Suso de Toro: “Este domingo necesitamos demostrar de novo con Nunca Máis que Galiza existe como país”

presentacion-santiago-470A Plataforma Nunca Máis convocou unha rolda de prensa para anunciar a manifestación co lema “Contra a impunidade, pola dignidade do pobo galego” que sairá este domingo 1 de decembro ás 12:00 da alameda de Santiago de Compostela e rematará na praza da Quintana. O escritor Suso de Toro afirmou que “a batalla de Nunca Máis é de longo percorrido, unha batalla nacional da existencia de Galiza como país”.

“Hai 11 anos a sociedade galega demostrou que existía para si mesma e ante o mundo; existía unha sociedade viva e capaz de defenderse”, explicou, “e hoxe temos que demostralo novamente a pesar de que o contexto é distinto porque estamos baixo unhas políticas que castigan a cidadanía, que destrúen a sociedade e que negan a Galiza como país”.

Para Suso de Toro, a manifestación do próximo domingo enmárcase neste contexto de negación dos dereitos da cidadanía, da xustiza, da verdade e da existencia do país como nación galega. Segundo explicou, estas políticas “van contra a nosa existencia de persoas libres con dereitos e contra a existencia de Galiza como país, que existe en por si, e necesitamos con esta manifestación revalidar a existencia de Galiza”. “Necesitamos demostrar de novo a nós mesmos, ao conxunto do Estado, a toda Europa e ao mundo que Galiza existe como país”, engadiu.

Sobre a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, explicou que hai que entendela dentro dunha “política antidemocrática”. “Non só estamos a defender a dignidade de cada persoa senón que o próximo domingo temos que defender a dignidade de cada un de nós e da cidadanía galega”, indicou.

Pola súa parte, Rafa Vilar, da xestora de Nunca Máis, expresou a “indignación” que provocou a sentenza emitida pola Audiencia provincial da Coruña, que cualificou de “amarga e inxusta” porque exonera de culpa os responsábeis da marea negra do “Prestige” e “abre as portas á impunidade”. “Ante iso temos que rebelármonos, temos que dicir non á impunidade porque hai responsabilidades directas de que ese buque fose unha chatarra flotante que navegaba fronte as costas galegas”, indicou. Mais lembrou tamén a responsabilidade política na xestión da catástrofe por parte do PP, que ocupaba naquel momento labores de Goberno na Xunta e no Estado, “que tamén quedan exonerados con esa sentenza”.

No acto de presentación, convocado na libraría Couceiro de Santiago, estiveron así mesmo representantes de diversos colectivos como O Galo (Alexandra Gorritti), Galiza Nova (Iria Pedreira), Movemento polos Dereitos Civís (Renato Nunes), Adega (Martiño Fiz) e BNG (Almudena Taboada).