Que é Nunca Máis? Quen o forma?
A Plataforma Nunca Máis foi creada o 21 de novembro de 2002, poucos días despois do afundimento do Prestige fronte ás costas galegas. Esta organización aglutinou desde entón a resposta cidadá ao desastre ecolóxico e á xestión levada a cabo polos diferentes gobernos responsables.
En Nunca Máis está representada a sociedade civil galega a través de máis de 200 asociacións e colectivos de diverso tipo: confrarías de mariñeiros, asociacións culturais, políticas, ecoloxistas, veciñais, sindicais, productores e comercializadores de peixe, etc. A Galiza emerxente reaccionou masivamente ante a catástrofe e creou esta plataforma para esixir responsabilidades políticas tanto ao goberno autonómico como ao estatal e, por suposto, á Unión Europea.
Nunca Máis esixe, nas súas reivindicacións básicas, a declaración de Galiza como zona catastrófica e a inmediata dotación de recursos de todo tipo para reparar as graves consecuencias económicas, sociais, medioambientais e para a saúde provocadas polo sinistro. Tamén reclama a posta en marcha de mecanismos de prevención que impidan que feitos coma este se volvan repetir no futuro.
Por todo isto, desde o comezo da catástrofe, Nunca Máis vén reclamando a demisión das autoridades responsables que permitiron que o accidente tivese tan nefastas consecuencias. A plataforma mobilizou a máis de 300.000 persoas ao mesmo tempo en diferentes puntos do país e conseguiu xuntar en Compostela o 1 de decembro máis de 200.000 persoas na manifestación máis concorrida da historia deste país. Ademais de ter organizado diferentes concertos e outros actos de diverso tipo, o 8 de xaneiro a plataforma intepuxo unha querela criminal contra os responsables da catástrofe.