Conta Solidaria Nunca Máis, para que se faga xustiza

Todas e todos nós sabemos que Nunca Máis foi o único instrumento de defensa que no seu día tivo o pobo galego para expresar toda a súa indignación fronte á manipulación, á mentira e ás decisións políticas dos gobernos do Partido Popular durante a longa crise do Prestige. Aí, tras a bandeira de Nunca Máis, estivemos todas e todos nós, nas embarcacións, nas praias, nas rúas e nas prazas, na Galiza e en Madrid, manifestando a nosa dignidade colectiva e a nosa carraxe contra unha xestión política que convertiu o accidente do Prestige na maior catastrófe ecolóxica dos últimos tempos, nunha inmensa marea negra de chapapote e nunha non menos grande marea negra de mentiras, nunha clamorosa acción de desgoberno que ningún pobo pode permitir aos seus responsábeis políticos.

Nunca Máis foi tamén a única arma legal que tivo Galiza para defender os seus intereses nesta longa travesía xudicial que por intereses políticos do Estado rematou nunha das sentenzas máis inxustas e máis vergoñentas que se coñecen, unha sentenza na que non se contempla nin a reparación económica dos graves danos causados nin as correspondentes condenas aos responsábeis políticos da xestión política da catástrofe. Este é un proceso que custa diñeiro e que só colectivamente como pobo autoorganizado a través de Nunca Máis podemos afrontar economicamente.

A Plataforma Nunca Máis acordou, por unanimidade, presentar Recurso de Casación perante o Tribunal Supremo. Non por confiar na xustiza española: o xuízo foi unha farsa, o proceso unha fraude, e a sentenza un insulto. O obxectivo é superar o aparello de xustiza española e seguer até o Tribunal Europeu de Dereitos Humanos de Estrasburgo.

Para que se faga xustiza, para que a catástrofe do Prestige non fique sen culpábeis políticos, colabora con Nunca Máis coa achega económica que ti poidas facer no seguinte nº de conta:
NovaGalicia Banco
CCC 2080 0300 89 3040154397

Código internacional de conta bancaria
IBAN ES12 2080 0300 8930 4015 4397

Moitas grazas pola túa axuda

xustificante-conta-nuncamais-470

Advertisements