Pedro Trepat: “É inexplicábel que a catástrofe do Prestige non teña un só responsábel”


O avogado da plataforma, Pedro Trepat, explicou hoxe no “Galicia por diante” da Radio Galega que a Audiencia da Coruña non tivo en conta as conclusións que presentou durante o xuízo o único perito independente que declarou en todo o proceso.

Segundo Trepat, o capitán José Manuel Fernández Hermida indicou durante a vista que as autoridades tiñan que levar o Prestige para a enseada de Corcubión, pero a sentenza non o tivo en conta, aínda que si valorou as declaracións doutros peritos nomeados polas partes.

O avogado de “Nunca Máis” tamén lamentou que as leis españolas non permitan recorrer en apelación unha sentenza dunha Audiencia Provincial para pedir que outros xuíces valoren mellor as probas. As normas só permiten un recurso de casación perante o Tribunal Supremo, que só entra a valorar erros técnicos, non de fondo. Por iso, Pedro Trepat defendeu que cómpre un cambio nas leis, para así darlles máis garantías ós cidadáns.

A sentenza, a xuízo do avogado, está creando moi mala imaxe de España en toda Europa, xa que, segundo dixo, é inexplicable que os xuíces deixen unha das maiores traxedias ambientais sen responsable ningún.

Recordou ademais que o Estado, cunha estratexia que cualificou de errónea, non quixo acusar a empresa ABS, que certificara que o Prestige se encontraba en bo estado. E lamentou que si abrise un proceso contra esa compañía nos Estados Unidos, no que gastou 36 millóns de euros, e que rematou desestimando a xustiza norteamericana.Pedro Trepat concluíu que “Nunca Máis” non quería unha sentenza vingativa no caso Prestige, senón que fose exemplarizante para protexer as costas e para que os políticos, en caso doutro sinistro semellante, actúen seguindo as recomendacións dos científicos, non “con actitudes avestrúcicas mentres se está de caza”.