Xaquín Rubido: “O xuízo do Prestige xerou pouca tensión porque os responsábeis non sentaron no banco dos acusados”

O próximo mércores día 13, xusto cando se fan once anos do inicio da catástrofe do Prestige, farase pública a sentenza despois dun xuízo que durou once meses. Só tres persoas, o capitán Apóstolos Mangouras, Nikolaos Argyropoulos, xefe de máquinas e o que fora director xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors, sentaron no banco dos acusados dun xuízo que para o voceiro de Nunca Máis, Xaquín Rubido, foi “eivado” pola ausencia dos verdadeiros responsábeis políticos da traxedia.

Xaquín Rubido-O próximo mércores, día 13, ao se faceren once anos, coñecerase o resultado do xuízo pola catástrofe do Prestige. Que agarda Nunca Máis da sentenza?
A sentenza, é obvio, tense que cinguir aos que están imputados e, desde esa perspectiva, nace coxa de partida. Obviamente, non está ningún dos membros do goberno daquela, ningún ministro responsábel das tomas de decisión que tiveron como consecuencia o alonxamento do buque da costa e que aquel accidente se convertese en catástrofe. Desde esta perspectiva está claro que a sentenza non vai satisfacer a demanda do movemento social que se xerou a raíz da catástrofe do Prestige e que foron quen de poñer na rúa Nunca Máis. A sentenza, está pois, acoutada e o único cargo político que pode ser condenado ao ser o único imputado é o Director Xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors. Agardamos,cando menos, que en López Sors se castiguen as decisións políticas que daquela se tomaron porque simbolicamente representa o goberno. A nosa confianza na xustiza é moi limitada porque no proceso púxose en evidencia que enriba da mesa non estaba toda a documentación necesaria, por exemplo, o cruce de chamadas que se deu entre o Goberno central e o Director Xeral da Mariña Mercante.Trátase, pois, dun proceso xudicial que nace eivado posto que non se contou con probas que comprometerían ao goberno. As nosas esperanzas están así limitadas a que López Sors sexa condenado.

-A fiscalía pide máis de 4.000 millóns e a sentenza determinará de quen é a responsabilidade civil e penal. Que agardan que aconteza neste caso?
A repercusión económica, acentuada pola situación de crise que se vive, vai pesar na sentenza e posibelmente provoque que se tenten repartir as culpas para cubrir este aspecto. A simple vista é obvio que o custe económico da catástrofe se deriva da mala xestión do goberno central e do gabinete de crise encabezado por Fernández de Mesa. O tribunal non vai ser quen de ser coherente con ese razoamento posto que aínda que haxa responsabilidade da empresa armadora e a propietaria polo estado do barco está claro que o goberno é o principal responsábel.

-Que significado lle dan a que se decida facer pública a sentenza no aniversario da catástrofe?
O feito de sinalaren ese día para a lectura entendémolo como unha decisión de carácter propagandística. Realmente non hai moita marxe para a sorpresa polo acoutada que nace a sentenza desde o inicio. Para nós, o punto de mira está se determina que López Sors é ou non culpábel.

-Nunca Máis foi un movemento histórico que protagonizou algunhas das mobilizacións máis numerosas da nosa historia. Sorprendeu en cambio que o xuízo case carecera de tensión.
Desde o momento en que os acusados son tan limitados en canto responsabilidades políticas e penais e non vai máis alá dun Director da Mariña Mercante está claro que as expectativas ían diminuír e, con elas, a atención ao propio xuízo. Detrás del estaba o ministro de Fomento, Álvarez Cascos e todo o goberno, incluído Rajoy. O interese amortiguouse ao non estaren nomes cos que contabamos no banquiño dos acusados. Outra cousa sería que o tribunal tivera a valentía de esixir máis probas documentais que puxeran en entredito as xestións políticas daquel momento. O xuízo vai perdendo forza como atractivo mediático e polarizador da opinión pública e dunha sociedade que, realmente, se implicou moito cando aconteceu. Os milleiros de persoas implicadas nas mobilización sociais contrastan coa apatía que se viviu no devir do xuízo. No fondo do problema está un Estado español corrupto e opaco que non permite que cheguen á mesa do tribunal de xustiza probas contra un ministro do goberno no exercicio das súas funcións, o que pon tamén en cuestión a independencia do poder xudicial.

-Cando o momento álxido das mobilizacións, Burla Negra publicara unha baralla de cartas cos responsábeis políticos. Realmente, todos ascenderon despois daquilo.
O que fixeron foi blindar ás persoas ascendéndoas, facéndoas acceder a un nivel de control social e político do poder aínda maior. Eses mecanismos do poder estaban a dificultar aínda máis que se fixera xustiza sobre o que acontecera.

-Once anos despois e a punto de coñecer a sentenza, sabemos realmente cales foron as consecuencias do atentado do Prestige?
Pódense facer distintos fotogramas da realidade. Un primeiro é o pouso, o seguimento que deixou na sociedade que amosou unha capacidade de mobilización e conciencia como nunca se dera e que segue a ser referente. Demostrouse a capacidade de unir, de deixar a un lado as formas de pensar, as distintas afiliacións e xuntarnos para defender o país, o noso mar e o noso litoral. Foi moi importante socialmente e iso queda aí, configurando os valores da sociedade que se van construíndo socialmente. Compre poñer en valor o que significou Nunca Máis e, ao meu ver, é un aspecto que habería que destacar. Outros fotogramas falarían do impacto no medioambiente e eu creo que desde as autoridades non se mostrou interese en facer un seguimento que avaliara o impacto que tivo non só na biodiversidade senón tamén nos sectores produtivo. Aínda recoñecendo a importante capacidade de rexeneración da nosa costa non se avaliaron os impactos e non se teñen conclusións polo miúdo. No aspecto sanitario acontece algo parecido. Fixéronse informes que apuntaron a existencia de secuelas e aínda nalgúns portos que tiveron especial implicación na limpeza do chapapote hai xente que ten problemas mais tampouco se fixeron estudos médicos co seguimento desta poboación co cal é algo que coñece a veciñanza mais non sae de aí.

-Un dos berros daquela é que se activaran medidas para que non volvera a acontecer unha catástrofe igual. Está a costa galega protexida para un novo Prestige?
Ao meu ver, podería volver a acontecer. Melloráronse os medios mais Galiza ten un punto débil que é o dispositivo de separación de tráfico de Fisterra polo que pasan 40.000 buques ao ano dos que 14.000 transportan derivados de petróleo e outros produtos químicos. Falamos dun volume moi importante de tránsito que, nunha situación de crise económica, ve tamén como os recortes afectan á seguridade. Melloráronse nos procedementos de seguranza mais segue sen ser efectivo. Temos un sistema europeo de satélites que subministra a cada estado membro toda a información en tempo real do que está acontecendo pero non se utilizan os medios que se teñen na medida que sería convinte porque os recortes en seguridade mariña tamén son importantes.

-Desde Nunca Máis teñen previsto responder dalgunha maneira á sentenza?
Valoraremos en función da propia sentenza. Malia que, como dicía, nace eivada, pode recoñecer feitos como que as decisións do goberno non foron ben tomadas. A día de hoxe ningún responsábel asumiu ningunha posición autocrítica. Segundo o que logo pasou, o que está claro é que o Partido Popular tería feito o mesmo con outro buque cando mesmo a Axencia Europea de Seguridade marítima di que habería que facer xusto o contrario, buscar un lugar de refuxio e acoutar o impacto. Multiplicaron por mil a contaminación sen que nunca sequera mostraran un mínimo de autocrítica polo que fixeron. Agardamos que, cando menos, a sentenza recoñeza esta realidade.

Tirado de Sermos Galiza

Advertisements